domingo 25 de enero de 2009

VINTE

Ter esquecido o blog non implica que de cando en vez non te lembres del. Especialmente para felicitar o aniversario a Adriana, á que teño que agradecerlle, senón todo, si moito do ben que me sinto. Grazas e felicidades, aínda que fora onte.

Na imaxe, nun take away no barrio de Chueca, en Madrid, intres antes de ir comer ao "Bazaar".

miércoles 31 de diciembre de 2008

FELIZ ANO

Feliz ano a todos os lectores deste blog, supoño que cada vez menos ou ningún porque mira que leva tempo sen actualizarse. Espero ter máis tempo no 2009. A verdade é que o boto algo de menos. Por certo, en nada vou á tradicional toma do derradeiro viño do ano cos amigos. Un bo momento, polo que paga a pena avanzar, aínda que sexa con dificultades, os 364 días anteriores. Ánimo que xa queda menos para o verán.

domingo 26 de octubre de 2008

32 ANOS

Neste tempo que pasei sen estar con vós acadei 32 anos. Tras agradecervos as numerosas felicitacións que me fixestedes chegar de distintos xeitos, comentarvos que esa idade non ten nada de especial, non é, coma o resto, ningún aniversario diferente. Non si, teño que dicir que os 32, un número máxico por excelencia, sentáronme de marabilla. De feito, e aínda que sexa ridículo fixalo nunha data tan concreta, creo que abren a porta aos mellores momentos da miña existencia. Non sei, situáronme nun estadio superior, por riba de moitas cousas, cunha madurez, frialdade e serenidade á hora de tomar decisións que nunca sentira. Xa tiven a oportunidade de aplicar esa suposta calidade que me deron eses 32 e a verdade é que me atopo moi satisfeito do resultado. Non é que antes non meditara as cousas, pero agora consigo facelo cunha tranquilidade e intelixencia para min nunca vista. Así que en diante tentarei aproveitar estes bos momentos que se aveciñan nos vindeiros anos, ese raciocinio que axuda a superar as situacións máis fodidas (por certo, xa sufridas en carnes e iso que só levo unha semana neste marabilloso labirinto). Estou en racha!

viernes 24 de octubre de 2008

27 DÍAS

Facía 27 días que non entraba no blog e hoxe doume por aí. A verdade é que foi unha sensación estrana, como volver a casa tras un mes de vacacións... Todo estaba cheo de pó e, ao igual que nun retorno, non sabes se queres dar a volta e saír de novo de viaxe para non volver nunca máis ou poñer as zapatillas e abrir unha cervexa cun pouco de xamón tirado no sofá como tomando posesión dos teus dominios. Neste tempo pasaron moitas cousas, quizáis demasiadas, cousas das que vos enteraríades algúns porque participastes nelas e cousas das que non teredes nin idea e que posiblemente nunca saibades porque son tantas que non vou recopilalas. Houbo vodas, aniversarios, falecementos, enfermidades, alegrías, tristuras... Houbo de todo e daste de conta de como corre o mundo. Miles de cousas, aquí non contadas, en 27 días. Miles de cousas que mudaron, para ben ou para mal segundo o caso, as vidas de moitos de vós/nós. Miles de cousas en só 27 días. Miles de cousas en, manda carallo, 27 días. Seguide sendo felices.
O blog non está morto, está tomando cañas.

viernes 26 de septiembre de 2008

RAFA E OS PACTOS

Hoxe sae á luz en Vieiros un novo artigo de Rafa que (ía dicir nesta ocasión, pero vou dicir coma sempre) aborda cuestións políticas. Neste punto se centra nas posibilidades dun pacto entre o PP e o BNG, pero eu como que non o vexo...

jueves 25 de septiembre de 2008

PENSANDO...

...pero xa volvemos axiña.

sábado 20 de septiembre de 2008

A FRASE

"Yo hago los descubrimientos y luego otros se llevan el oro". Adriana Viz, de profesión descubridora.

jueves 18 de septiembre de 2008

AGAZAPADO

Estou aquí e teño bastantes cousas que contar, pero, por circunstancias, atópome agazapado, á espera de que haxa o tempo e o espazo necesario para que a tinta volva fluír. Non será a tardar. Aburiño. Ssssssssssssssssssshhhhhhhhhhhhhhhhhhhhhhhhh!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

SEN PALABRAS...

Feliz debut a Os Xabañús (o Balonmán Nattex de toda a vida).

GALICIA NO NYTIMES

The New York Times publicou esta pasada fin de semana un novo artigo sobre Galicia. Nesta ocasión, o xornalista Andrew Ferren fala da súa visión facendo un percorrido montado no noso precario tren. Pinchade e así de paso practicades o inglés.

LADRAN, LOGO CABALGAMOS

Como di o outro "que falen de nós aínda que sexa mal", así que non lle imos dar o gusto. Unha aperta a Yourhouses.

viernes 12 de septiembre de 2008

CHURRASQUITO MUST GO ON

Que non se diga! e, como apuntou moi ben alguén moi intelixente, chegado o caso sempre se pode pasar a carne polo pasapuré. Con 18 quilos de carne de porco, 12 de tenreira e 9 empanadas imos servidos.

XOEL

Caeume moi ben Xoel, cunha conversa interesante, aínda que é de xustiza recoñecer que é clavadiño a Lilho, pero en feo (momento aceno ao Trío Ternura).
Entrada adicada a Marga (ausente), Marta, Adri e, sobre todo, Almu.

O 1 de novembro pecha a súa xira na Coruña e logo tomará un ano sabático.

CASOU "SE"

Levaba estes días buscando un oco para falar da voda de José, pero finalmente non o puiden facer ata hoxe, xa ben pasada a cerimonia. Falei con el xusto unha semaniña antes no Treu e estaba emocionado. Así que, que menos que felicitalo a el e a Bea. Tamén destacar o parlamento do Doutor Miramontes, que me dixeron que foi espectacular.

DAMIEN HIRST

O polémico artista Damien Hirst acaba de iniciar unha exposición, posiblemente a máis irreverente da súa traxectoria, na sala Sothebys. A colección está conformada por 223 obras, entre as que se atopa unha cebra en formol ou un unicornio, que se sacarán a subasta sen intermediarios e que auguran unha cantidade millonaria que podería superar os 70 millóns de euros. Eso sí, a aposta ten risco polo enfrontamento que supón cos propios marchantes.

SENTENZA SOBRE A PROSTITUCIÓN

Xusto un día despois de que fixera un post sobre o actual estado da prostitución en España, saíu á luz unha nova sentenza sobre esta práctica. O fallo xudicial foi emitido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e segue a tendenza doutros organismos similares en Madrid ou Valencia. Lede a nova que ten o seu aquel.

PAQUI PEÑA


Aquí vai un vídeo imprescindible da reporteira Paqui Peña, do programa Está Pasando. Menuda reportaxe que fixo cun castelo de area que levou 16 días construir. Creo que é unha fenómena que ata recibiu unha couce en directo.

jueves 11 de septiembre de 2008

TAN POUCO VALES QUE TES QUE PAGAR

Ultimamente están a proliferar as noticias sobre o mundo da prostitución, posiblemente porque comeza a producirse un debate social sobre a necesidade de buscar solucións ao considerado negocio máis antigo do mundo. Así, están os que optan pola legalización alegando que non se poden poñer portas ao mar e os que cren que hai que recrudecer a súa prohibición para tratar de atallar o problema.
Hai cousa de semanas lin que as prostitutas estaban baixando as súas tarifas ata un 50% por mor da crise, xa que senón non tiñan clientes. Non obstante, poucos días despois apareceu un balance da patronal do sector (é dicir, os proxenetas) que cifraba en 50 millóns de euros o volume de negocio DIARIO en España.
Todo isto complétase coa polémica campaña da Junta de Andalucía, que quere afrontar o problema dende a perspectiva do cliente. Coa máxima "se non hai clientes, non ha prostitución", o goberno andaluz está enchendo as cidades da súa comunidade con pancartas e cartaces baixo o lema "¿Tan poco vales que tienes que pagar?". A verdade é que a frase de marras si que chega á dignidade de cada un.
Tema interesante, que ao mellor da para unha enquisa un día destes.

OUTRO BLOGASTRÓNOMO

Atopei de casualidade un blog adicado á gastronomía, que responde ao nome de Receitas de Teo e aborda dun xeito máis exclusivo a preparación de pratos que o propio Papar e Vivir. Por se vos é de utilidade podedes botarlle unha ollada, aínda que esta entrada vai adicada especialmente a Nico que ultimamente hai que admitir que está moi traballador. Seguro que saca(des) algo en claro.

A PROL DA REVISION DO FRANQUISMO

A sondaxe realizada neste blog sobre o proceso de revisión de certos aspectos do franquismo que iniciou o xuíz Garzón deparou un 75% de partidarios coa operación do maxistrado. O 22% dos participantes está en desacordo con que se remova o pasado e o 3% di que depende do caso. Houbo moita participación.

martes 9 de septiembre de 2008

A VODA DE BEGOÑA


Non vou contar a voda de Begoña dun xeito moi concreto, pero si as principais anécdotas. Javi ten unha piscifactoría de nécoras na casa, porque non é normal meter oito por cabeza; os invitados estábamos todos moi delgados; Colmeiro e a inesquecible entrevista con Pau Gasol; os noivos non foron para o cura de milagre (ofrecer, ofrecéronllo); a baralla do Madrid ía ser para min...; Ana e Nacho xa levan catro noivos; algún vestido era "moi bonito"; e en menos de dez día xa temos outra.

A FORZA DUNHA MANIFESTACIÓN

Dezaséis anos de forza tiveron os nosos berros, consignas e a mobilización de centos de mozos. Corría o ano 92 cando os alumnos do instituto estradense comezamos unha manifestación contra a Guerra do Golfo e acabamos reclamando a reapertura do pub Sucursal, daquela pechado por Campos. "Chito, a..., abre o Sucursal", eran as nosas verbas. Hoxe, dezaséis anos despois e cun novo goberno, o peche parece definitivo. Mágoa que xa non teñamos aquelas inquedanzas... e tamén que xa hai anos que non o pisamos.

MÁIS PUCOS

O CSIC trae 1.400 ovos de tartaruga boba para repoboar as costas das Illas Canarias e Andalucía.

CHE EL ARGENTINO

Tras tempo sen nada que me chamara dende a carteleira, teño que admitir que Che el Argentino si que me aporta o suficiente atractivo. Un filme no que, segundo Del Toro e Soderbergh, se tentou non poñer ao mítico persoeiro nin coma un demo nin coma un deus. Non se trata dunha película de guerra, senón dunha revolución. Xa vos contarei.

Máis información no web do filme.